miércoles, 30 de septiembre de 2015

MOBILIZÁMONOS POR MÓBILES E ALIMENTOS

Un ano máis, e desgraciadamente o último dunha produtiva andaina que remata por mor da LOMCE, o grupo de Ética e filosofía do dereito, estase a organizar para sacar á luz dúas camapañas que manteremos ao longo de todo este curso académico.
Coa primeira, MOBILÍZATE, pretendemos recoller o maior número de teléfonos móbiles para reciclar e, desta forma, colaborar co centro Tchimpounga, do Instituto Jane Goodall, que acolle a 150 chimpancés orfos. A campaña serviranos para sensibilizar á cidadanía sobre as consecuencias que a nosa alta demanda de coltán, casiterita e outros minerais para produtos electrónicos ten sobre as zonas de extracción, situadas na República Democrática do Congo, nada menos ca 6 millóns de mortos e case 3 millóns de refuxiados como consecuencia da guerra, deforestación, contaminación e matanzas de animais en perigo de extinción como gorilas e chimpancés.
Boceto do Cartel da Campaña

Coa segunda, e non menos importante, RECOLLIDA SOLIDARIA DE ALIMENTOS, continuamos un proxecto de colaboración coa Fundación Amigos de Galicia, iniciado xa hai oito anos grazas á iniciativa do alumnado. Cada mes faremos chegar ás familias unha breve nota informativa na que se determinará que tipo de producto alimentario ou de hixiene persoal se vai recoller.